Do Vieiros:
"Logo dunha semana de incerteza o voto extranxeiro ratificou a maioría absoluta, 38 escanos, conseguida pola coalición do Partido Socialista de Galicia e o Bloque Nacionalista Galego, que lle permiten acceder ao goberno rexional, logo de catro mandatos sucesivos do veterán e ex ministro do ditador Francisco Franco, Manuel Fraga". Así interpreta os resultados o diario arxentino Página 12."Fraga perde o poder en Galiza, o bastión da dereita española", titula o xornal arxentino Clarín. O corresponsal do diario, Juan Carlos Algañaraz, conta que "os populares perderon o seu máis emblemático fortín político e tamén teñen que afrontar a derrota do seu líder histórico, que gobernou Galiza durante 16 anos". A analista Paula Lugones comenta ao respecto que "o PP temía o efecto dominó que se iniciou coa debacle conservadora nos comicios xerais de 2004" e opina que malia que "a derrota foi moito máis axustada do que agoiraban as sondaxes" o PP debería "pasar con urxencia a unha etapa de profunda autocrítica para analizar que falla na súa sintonía coa sociedade".
"A derrota do PP ponlle fin ás esperanzas de Manuel Fraga Iribarne, 82 anos, antigo ministro de Franco, de efectuar un quinto mandato consecutivo á cabeza do Parlamento rexional", recolle Le Nouvel Observateur. A publicación francesa fai referencia á "debilidade do PP" e comenta o peso da emigración galega, afirmando que "estes emigrantes son resultado do éxodo de máis de dous millóns de persoas entre a fin do XIX e a primeira metade do S.XX, empurrados por unha fame nada, coma en Irlanda, da enfermidade da pataca e logo pola represión do rexime franquista".
En Portugal o Público destaca no titular que "Fraga Iribarne deixa poder após 16 anos consecutivos de maioria" e relata no interior que o líder do PP "fixo ouvidos xordos aos argumentos na súa contra, motivados pola idade e polas reservas de moitos sobre a súa saúde, e ignorou as acusacións da oposición de que converteu Galiza no seu feudo, e as observacións sobre o seu pasado franquista e as críticas aos seus excesos verbais, rematando cunha media derrota".
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário